Monday 06 de May de 2024

O concello impulsa unha consulta cidadá para mellorar e optimizar o proxecto de rehabilitación da Casa Consistorial


As opinións expresadas tomaranse en conta na actuación definitiva.

A Casa Consistorial da Laracha será obxecto dun amplo proxecto de rehabilitación que promove o Concello co propósito de mellorar a súa estética, funcionalidade e sustentabilidade. A ambiciosa iniciativa presenta un orzamento inicial de 1,25 millóns de euros, contándose para o seu cofinanciamento cunha achega económica de 700.000 euros procedente dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.

Ao tratarse dunha actuación clave e de interese xeral para os laracheses ao implicar un cambio substancial tanto no propio edificio como na Praza do Concello -que conforman un ámbito emblemático na capital municipal configurando, ademais, unha das imaxes máis emblemáticas e recoñecibles da Laracha- o Concello promoverá a participación cidadá para recoller datos sobre diferentes cuestións de interese. Ditas opinións serán tomadas en conta no proxecto definitivo co propósito de melloralo, optimizalo e adecualo aos criterios expresados pola cidadanía.

Así, desde hoxe e por un período de un mes -ata o 2 de setembro- estará dispoñible a enquisa na que calquera persoa, residente ou non na Laracha, poderá expresar a súa opinión sobre aspectos relacionados coa estética exterior da Casa Consistorial, a mellora dos espazos circundantes e da accesibilidade, a conservación das zonas verdes, o aumento da eficiencia enerxética, a tipoloxía do material a empregar no proxecto construtivo e a nova posición dentro do edificio dos servizos de atención ao cidadán e do rexistro central, entre outras. Tamén existe un apartado para achegar propostas ou suxestións.

A Casa Consistorial da Laracha cumprirá o ano que vén o cincuenta aniversario desde a súa inauguración en 1974. Durante este medio século só foi obxecto dunha reforma de entidade: a realizada en 1989 e consistente na construción do segundo andar e dos espazos do baixo cuberta.
Ligazón directa ao cuestionario: https://forms.gle/11RJ5dfYJmdFC8Te7